GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

jueves, 17 de octubre de 2013

FORMÁNDONOS COMO USUARIOS DENDE CATIVOS


Dende hai dúas semanas.

Xa levamos dúas semanas facendo Formación de Usuarios. Todos os grupos de Primaria teñen asignada a súa hora semanal de actividades na Biblioteca.

Aquí tendes imaxes desta mañán: os nenos e nenas de 2º B traballando arduamente sobre os libros de ficción e os libros informativos.

A engranaxe comeza a funcionar.

XUNTANZA DE VOLUNTARIOS




O xoves durante o recreo, na Biblioteca.

Aquí tendes a este grupo de animados rapaces do Terceiro Ciclo (e algún do Segundo) que queren ser voluntarios na Biblioteca.

Esta xuntanza foi un primeiro achegamento, no que insistimos na responsabilidade. Quedamos de nos ver mañán, co abecedario moi ben aprendido. Comeza un traballo ilusionante. Ya vos contaremos...

O CONTO DE ARIADNA



Despois de ler, Ariadna escribiu este conto. 

Hai uns días, Ariadna levou emprestado da Biblioteca un libro sobre cabaleiros. Sen dúbida, resultou inspirador, xa que acaba de nos presentar o conto que, coa mesma temática, ven de escribir. 

Como gran lectora, Ariadna non esqueceu nada: escribiu unha reseña para a contracuberta, indicou claramente a autora, a adaptadora e a ilustradora. Nen sequera esqueceu debuxar o código de barras.

Parabéns, Ariadna! E a seguir escribindo!

sábado, 12 de octubre de 2013

MOCHILAS DE VIAXE


Talvez este curso crucen o mar.

Chega outubro e as Mochilas Viaxeiras comezan a súa viaxe anual. Os rapaces recibíronas con moita ilusión, como non: era un momento moi esperado. Seguro que os cadernos retornan cheos de intres fantásticos vividos en familia.

Boa marea! Boas lecturas!





viernes, 11 de octubre de 2013

SAÍDA Ó MUSEO DO MAR



Os rapaces e rapazas de 6º curso coñecen os segredos do mar. 

O xoves 10 de outubro, o alumnado de 6º curso de Primaria acudiu ó Museo do Mar de Galicia para aprender moitas cousas sobre os peixes e sobre o mar.

A visita comezou no acuario, onde atoparon animais mariños preciosos: dende quenllas ata raias.

O home tivo sempre moito interese por coñecer o mundo submariño. Os rapaces poideron afondar na historia deste achegamento na exposición sobre os distintos traxes de buzo. Un obxecto moi salientable foi o submariño de Sanjurjo Badía, inspirado, talvez, do Nautilius soñado polo seu amigo Julio Verne.

Pero non todo foi escoitar: tamén houbo actividades e experimentos cos que disfrutaron moitísimo. Só hai que velo.



Neste enlace temos máis fotos dos alumnos de 6º A. 


miércoles, 2 de octubre de 2013

SEGREDOS DO MAR



De cidades afundidas e illas emerxidas.
A semana pasada sucedéronse dúas curiosas novas relacionadas co mar e os seus segredos. Por unha banda, un mariñeiro portugués afirmaba ter localizado nas Azores unha pirámide afundida. Este feito daría credibilidade ó mito da Atlántida, a illa perdida da que falara Platón. Como vedes, a nova ten causado sorpresa a nivel planetario, chegándose a recoller na televisión chilena.


Por outra banda, no outro lado do mundo, o terremoto de Pakistán ten feito aflorar unha illa de 30 metros de ancho e 12 de altura.


Agradecemos á profe Luz que estivera tan atenta ós medios, o que nos permitiu coñecer esta nova tan curiosa. 


martes, 1 de octubre de 2013

A TODO TRAPO!




Despois do verán, a "maquinaria" bibliotecaria comeza a funcionar. 

Esta semana, tras moito traballo (e moito máis que queda) comezou o empréstito semanal de fondos para o noso alumnado. A vindeira semana comezarán as actividades na Biblioteca. Todas as pezas vanse encaixando.



Feliz travesía!