GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

domingo, 28 de septiembre de 2014

MAFALDA CUMPRE 50 ANOS



Un día especial. 

Xa está todo preparado para, mañán, comezar o empréstito na nosa Biblioteca. Por iso, a coincidencia do cumpreanos de Mafalda semella unha circunstancia moi especial. 

Mafalda cumpre mañán 50 anos. Pero, como Peter Pan, despois de medio século segue a ser unha nena chea de inxenuidade e bos razoamentos. 

Neste enlace poderedes coñecer todo sobre Mafalda, sobre Quino (o seu pai) e sobre o resto dos entrañables personaxes que acompañan á nosa "cumpreañeira" nas súas tiras cómicas. 

Queremos agradecer toda esta información á nosa compañeira de PLAMBE, Mª Carmen Sarmiento, coordinadora do Equipo de Biblioteca do CEIP Santiago Apóstolo de Franza (Mugardos). 

E aquí deixámosvos cunha viñeta moi apropiada para esta celebración: 



Feliz aniversario, Mafalda!

sábado, 20 de septiembre de 2014

PLAN ANUAL DE LECTURA 2014 - 2015





Es novo no cole...?

Se é así, necesitarás unha pequena explicación sobre algunhas das nosas actividades: 

      • Hora de Ler: Cada día, a totalidade do noso alumnado adica 20 minutos á lectura libre. 
      • Hora da Biblioteca: Unha vez á semana, cada grupo de alumnos acude á Biblioteca para realizar actividades de Formación de Usuarios e Alfabetización Informacional. 
      • Blog da Biblioteca (O lar de Frianciño): No blog da Biblioteca atoparás o noso catálogo, toda a prensa nacional, novas, actividades interesantes e enlaces para os membros da familia. Unha auténtica Biblioteca Virtual.
      • Plan de Fomento da Igualdade de Oportunidades: Para favorecer o acceso á información e á Internet, a Biblioteca permancerá aberta para o alumnado e as súas familias durante o horario das actividades extraescolares. De luns a xoves, de 4 a 6 da tarde. 
      • Mochilas Viaxeiras: Son a nosa particular proposta para unha boa lectura en familia. Unha coidada selección de libros, música e películas das que poderedes disfrutar durante dez días. 
      • Venres de Viva Voz: Os 20 minutos de lectura dos venres adicarémolos á Oralidade. Para que os nosos alumnos e alumnas sexan competentes na comunicación lingüística e saiban expresarse oralmente con fluidez, prepararán recitados de poemas e contos ou exposicións sobre temas previamente traballados. 
      • Tardes de Conto: Un día á semana mestres, pais, avós ou alumnos contarán un conto ós nenos durante o horario das Actividades Extraescolares. É a nosa aposta para conservar a Tradición Oral e para fomentar o encontro interxeracional en torno á lectura. 
      • A Nova da Semana: Cada semana, un grupo de alumnos investigará na prensa sobre a Nova da Semana, e a dará a coñecer a través do podcast (radio en Internet).
      • A Nova do Día: Para preparar a Nova da Semana, o grupo de alumnos correspondente analizará a prensa diaria, seleccionando un titular que exporán no blog da Biblioteca, a través dunha aplicación especialmente deseñada para este fin.
      • Empréstito semanal: Cada grupo de alumnos ten asignado un intre semanal para realizar os seus empréstitos. Ademais, os venres, durante a hora do recreo, existe un tempo especial para o empréstito doutros documentos. 
      • Clubes de lectura: Fomentaranse os clubes de lectura entre o alumnado do Centro. E as actividades intercentros co IES República Oriental do Uruguai e outros centros da cidade. 
      • Blog de recomendacións (O que o vento non levou): Ten a intención de fomentar a lectura, a escritura e o espírito crítico. Pode participar toda a comunidade escolar: familias, profesorado e alumnado. 

jueves, 18 de septiembre de 2014

PROMOCIONANDO O VOLUNTARIADO BIBLIOTECARIO



Comeza o curso, e, na Biblioteca, intentamos pór todo a punto.

Un dos elementos fundamentais desta preparación é o fantástico grupo de Alumnos e Alumnas Bibliotecarios que, cada ano, medra máis (en número e en responsabilidade). Por iso, esta semana témonos reunido con eles para explicar e firmar os seus contratos e organizar as quendas formativas, antes de abrir as nosas portas ó resto do alumnado.

Como homenaxe a estes rapaces e rapazas tan xenerosos e responsables, deixámosvos aquí este vídeo.


jueves, 7 de agosto de 2014

LEMBRANDO AS FESTAS TRADICIONAIS



O verán é sinónimo, en Galicia, de fogos e festa.

A vida moderna ten cambiado sutilmente algunhas das tradicións das festas patronais. Cando falamos con persoas de idade recoñecemos expresións e costumes que nos resultan extrañas.

A señora Olga fálanos neste audio sobre a tradición do carballo do torreiro e sobre o Día Vello.




As rosquillas que hoxe atopamos envasadas en bolsas de plástico vendíanse a granel, e se ofrecían nun aro de vimbios. Aquí nos conta a señora Olga os seus recordos.



Promocionar estas lembranzas é cultura. Animámosvos a que nos contedes outras experiencias vosas. 

Festivos días de verán!


Imaxe: Juan Tiagues. Os alegres na festa do pan. En Flickr. CC BY SA

sábado, 2 de agosto de 2014

O PEIXE QUE SORRÍA



Curta inspirada no álbum ilustrado de Jimmy Liao.

Hai xa uns meses, a profe Luz atopou esta xoia navegando na Internet. Como este curso temos pescado e aprendido sobre peixes, aí vai un precioso final.

E se vos gusta (que non teño dúbidas) podedes gozar co álbum ilustrado, un tesouro que gardamos con moito mimo na nosa Biblioteca.




Que o disfrutedes!

Imaxe: Jimmy Liao. En Wikimedia Commons. CC BY SA

miércoles, 30 de julio de 2014

NO BLOG DE BIBLIOTECAS ESCOLARES



Falando sobre os kamishibais. 

O blog de Bibliotecas Escolares presenta un artigo cos resultados dunha investigación realizada entre varias bibliotecas de centros galegos ubicados na zona rural. Para ilustrar o artigo, inclúese o vídeo dos nenos e nenas de 1º B do noso cole, no que contan ós de 4º B a Historia do Rainbow Warrior.



Nós xa temos experimentado que o kamishibai é un recurso estupendo no que atinxe ó Fomento da Lectura. Tamén sabemos que é sumamente útil para mostrar o resultado dun traballo de investigación. E que é moi axeitado para traballar a diversidade e impulsar o traballo cooperativo. 

No artigo poderedes descubrir máis bondades do kamishibai. E... por que non? Decidirvos a dárlle uso! Seguro que tamén resulta un gran recurso para unha tarde invernal e familiar!

Imaxe: Kim Traynor. Toy theater (c.1845-50), Edinburgh Museum of Childhood. En Wikipedia. CC BY SA

domingo, 13 de julio de 2014

O QUE LLES PASOU ÓS PAIS DE MATILDA



Nos clubes de lectura de 6º curso, tras a lectura de Matilda, xurdira a pregunta: e que pasaría cos pais de Matilda?

Ariadna e máis Sara (6º A) botaron axiña a voar a imaxinación e dérannos a súa opinión. Pero un trasno que habita na nosa Biblioteca agachou os papeis, e... non os temos atopado ata hoxe!

Aquí está o seu conto. En primicia.

Nada máis chegar a España, o pai de Matilda foi comprar un televisor; a nai foi xogar ao bingo, e o irmán foi ver un partido de fútbol. 

Por se fora pouco, a nai gañou ao bingo, así que decidiron volver a Inglaterra e pagar a fianza. 

Cando Matilda saíu do colexio, atopouse cos seus pais, e foi de inmediato a avisar á señorita Honey. Ela advertíulle que non se acercara aos seus pais, pero eles raptárona, xa que, uns días antes, a tele explotara e só Matilda sabía arranxala. 

A señorita Honey empezou a buscala por todas partes. Cando chegou á casa dos pais de Matilda, a señorita Honey atopou á nai de Matilda cun iogur na orella, pensando que ía escoitar algo. Tamén estaba Matilda, mirando á nai fixamente, e entón... KATAPUUUM!!! A nai explotou. 

Entón, Matilda deu un chimpo na cama. 

- Menos mal, foi todo un sono.