GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

lunes, 31 de marzo de 2014

APRENDENDO SOBRE AS PRAIAS DE TEIS




Cos chicos e chicas do Plan Comunitario. 

Os pasados mércores e xoves (26 e 27 de marzo), en Infantil, tivemos unha actividade con sabor moi, pero que moi salado. Estiveron connosco os do Plan Comunitario de Teis, explicándonos como son as praias do noso barrio. Quedamos asustados cando soubemos que Teis... ten dez praias!

Na pantalla dixital mostráronnos fotos de cada unha destas praias. Despois cantamos e bailamos a canción:

Quen che ensinou a nadar..?
Foi un peixiño do mar...
Foi, foi, foi, moreniña, 
foi un peixiño do mar. 

Logo déronnos unha gran sorpresa, porque David fixo maxia e apareceu unha grande caixa con area das praias de Teis. Xogamos a buscar tesouros agachados. Atopamos cunchas, pedras, algas secas... e clasificamos todo isto en varias caixiñas. 

Despois deste xogo tan divertido estivemos pintando peixiños e estreliñas de mar. 

E, para rematar, voltáronnos sorprender: agasalláronnos cun polbo xigante para cada aula. Nel colgamos todos os peixiños e estreliñas. E agora témolo de recordo para lembrarnos das praias de Teis e das persoas do Plan Comunitario que nos achegaron esta actividade tan motivadora e divertida. 




Grazas a todos os que nos permitistes pasar unha xornada tan estupenda.  E grazas á profe Charo, por nos facer esta crónica tan detallada!

domingo, 30 de marzo de 2014

ASÍ CELEBRAMOS O DÍA DA POESÍA



Coa chegada da primavera agromaron versos mariños no noso cole.

Para preparalo, fixemos unha escolma realizada coa colaboración do Voluntariado Bibliotecario. Unha vez completado compartiuse cos titores de Primaria.



Entre a escolma, cada aula debía elixir un poema para ilustrar. Coa suma de todos eles, elaboramos a nosa Selección poética sobre o mar, que terá un lugar privilexiado na nosa Biblioteca.



Por último, propuxemos un Concurso de Recitado. A participación era voluntaria, e o obxectivo, favorecer a expresividade do alumnado á hora de recitar. Aquí temos ós participantes individuais:




E aquí tendes a interpretación dos grupos



E agora... a esperar o veredicto dos profes que compoñen o Equipo de Biblioteca! 

DESCUBRIMOS O MISTERIO...



... das fotos antigas.

Hai un par de semanas realizamos (coas familias que quixeron nos acompañar) unha andaina para descubrir os lugares mariñeiros que perduran na arquitectura e na toponimia da nosa cidade. Froito daquela saída naceu unha proposta: descubrir os lugares que representaban unha selección de fotos antigas que vos entregamos. (Podedes refrescala neste enlace).

Pois... aquí tendes a solución:





E as gañadoras son...
      • Laura Martín (6º B)
      • Claudia Pérez de Lis (2º B)
... e as súas respectivas familias. 

Pois chicas... pasade pola Biblioteca para sumar un novo punto ó voso carnet!

sábado, 29 de marzo de 2014

PIRRACAS E AS PATACAS



Nas Tardes de Conto.

O pasado xoves día 20 de marzo tivemos unha nova sesión de Contacontos. O conto que desta vez puidemos desfrutar foi Pirracas e as patacas, narrado por Pili, a nai de Lucía (4º B).

A continuación, e coas patacas i envases de iogur que se solicitaron para o obradoiro, cada un/unha fixo a súa propia pataca, pintando, recortando, pegando... e acadando divertidos e sorprendentes resultados...  



Grazas Pili e Lucía, por unha tarde tan divertida. E grazas tamén ó profe Abel pola súa crónica. 

MARC TAEGER E OLAIA GONZÁLEZ NO NOSO COLE



Contando e ilustrando contos cos nenos e nenas de 5 anos.

O pasado martes 18 de marzo estiveron no noso cole Olaia González e Marc Taeger, por xentileza da Editorial Kalandraka. Os afortunados que disfrutaron dos seus contos e ilustracións foron os nenos e nenas de Educación Infantil 5 anos.

Foi unha sesión máxica, onde a palabra trasformábase en liñas de cor, e as liñas de cor en coñecidos personaxes infantiles. Así desfilaron polas nosas aulas Artur, Garavanciño e Os chivos chivóns, que quedaron inmortalizados para sempre nuns lenzos que atoparán un lugar privilexiado no noso Centro.



Grazas por facernos disfrutar dun día tan agradable!

viernes, 21 de marzo de 2014

O AFUNDIMENTO DO ARRASTREIRO SANTA ANA



A Nova da Semana de 5º A.

Os rapaces e rapazas de 5º A quedaron impresionados polo afundimento deste arrastreiro con tripulación de Muros acaecido no Cabo de Peñas. Neste programa dannos cumprida conta dos datos coñecidos ata o intre.



Imaxe: La Voz de Galicia

miércoles, 19 de marzo de 2014

ACHEGÁNDONOS Ó ACUARIO




No Venres de Viva Voz cos nenos e nenas de 4 anos B.

Como sabedes, os venres é día de oralidade no noso cole. O pasado venres 14 de marzo tocou o turno ós rapaces e rapazas de Educación Infantil 4 anos B.

Nesta ocasión, decidiron recitarnos algúns dos versos contidos no libro de María Canosa titulado Acuario.

Aquí volos deixamos.