GRAZAS!

A todos os mestres e mestras que, durante estes anos, atopastes inspiración nos posts publicados no noso blog. A todos os membros da Comunidade Educativa que fixestes posible que un sono se convertira en realidade. Ó Equipo de Biblioteca co que tanto aprendín.

Para vós, para sempre: GRAZAS!

martes, 31 de mayo de 2011

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBES GALEGAS


Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:
Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos? O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.


Colectivo dos Equipos das Bibliotecas Escolares integradas no PLAMBE
(Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares Galegas)


lunes, 30 de mayo de 2011

RECOMPILACIÓN DOS VVV (VERSIÓN GALEGO)


Presentamos aquí a recompilación dos vídeos correspondentes á Segunda Edición dos Venres de Viva Voz elaborados en lingua galega. 




AITANA RECOLLEU O SEU PREMIO


O pasado venres 27 de maio, Aitana recolleu o seu premio do Certame Literario Novacaixagalicia.

Como lembraredes, Aitana participou no IV Certame Literario Novacaixagalicia, e mereceu o Primeiro Premio na súa categoría, correspondente ó Terceiro Ciclo de Primaria, polo seu conto titulado El mensaje de Sabina.

Noutras categorías foron premiados un rapaz do C.P.I. Covaterreña (Baiona), unha rapaza do Colexio Andersen (Vigo) e, na categoría correspondente a Bacharelato, unha moza dun I.E.S. de Verín.

Os gañadores, previamente a recibir o seu agasallo, leron un fragmento do seu relato. Todos os asistentes comprobamos que ben merecían o premio, tal era a calidade dos mesmos.

A continuación, todos os premiados e o público asistente merendamos no Xardín Xaponés do Centro Social Novacaixagalicia.

Aitana, nesta ocasión tan especial, estivo acompañada pola súa familia, polo Director do Colexio, por tres mestras do Equipo de Biblioteca, e por Antía e Aldara, que tamén participaran no Concurso.




Xa que o conto de Aitana é agora da propiedade de Novacaixagalicia, non podemos reproducilo aquí. Pero sí o de Aldara e os poemas de Antía.







Para disfrutar con máis fotos desta xornada, podedes consultar este enlace da web de Obra Social Novacaixagalicia. 

Noraboa, Aitana! Ti vales moito! Segue a ler e a escribir tan ben! E os demais... a preparar os relatos e poemas para o V Certame!

domingo, 29 de mayo de 2011

UN EXEMPLO ADMIRABLE


Esta que aquí vedes é Eva, unha mestra coma nós.

Pero Eva non é unha mestra calquera. É unha grandísima persoa, cunha historia que debería facernos pensar moito a todos e a todas. 

Porque a historia de Eva, unha traballadora incansable e infatigable, é unha historia de superación, de ganas de vivir e de fe nas posibilidades do ser humano. 

Moitos dos que me coñecen seguro que me escoitaron falar algunha vez dela. Porque teño o orgullo de tela entre as miñas amistades. 

A súa historia poderedes oíla da súa boca o vindeiro día 1 nas instalacións do MARCO. Alí presentará o seu libro SOS... accidente cerebrovascular!, escrito para dar a coñecer a súa vida despois dun ictus cerebral que a tivo máis no "outro barrio" que neste. 

Mentras chega ese día, e, por se non o tedes lido, déixovos o enlace ó Faro de Vigo do pasado sábado día 28, onde nos fala de que superar o accidente cerebro - vascular non é a única miragre da súa vida. 


Grazas, Eva, por facernos partícipes da túa experiencia. O mundo necesita xente coma ti!




ÚLTIMA SESIÓN DE CONTACONTOS

Chegou o último mércores do mes de maio, e, tamén a derradeira sesión das Tardes de Conto por este curso. 

Nesta ocasión, contáronnos un estupendo conto Anxo (de 3 anos) e a súa mamá. Tratouse de Caperucita de colores, versión ecolóxica do famoso conto, no que Anxo tivo unha actuación estelar facendo de lobo. A continuación, coñecimos a historia de Sara, unha princesa que vivía na lúa e non quería ir ó cole.


Logo, Paula, Antón e Mª José, con longa experiencia como contacontos, contáronnos Cristina Cochina, o conto sobre unha nena tan porca, tan porca, que vivía nunha pocilga. 

Como vedes, trasladámonos ó vestíbulo da Biblioteca (xa que nesta estaban instaladas as exposicións de Cesteiría e Libros sobre árbores e plantas), e logo, fixemos actividades nunha das aulas de 1º.

Polas fotos vese que a sesión foi un rotundo éxito, que o persoal máis cativo estivo do máis atento, e que o público rematou entregado.



E xa que chega o verán e o merecido descanso, queremos agradecer dende aquí a colaboración tan entusiasta e desinteresada de Marisol, a nai de Irene, que, durante este curso, estivo a coordinar esta actividade que, para nós, resulta tan importante e entrañable, xa que os seus obxectivos son rescatar o bo costume de contar contos e de estreitar os lazos familiares. 

Grazas, Marisol, polo teu traballo, e grazas á túa familia por ter a xenerosidade de te compartir connosco. 




sábado, 28 de mayo de 2011

E COMO FIN DE PROXECTO... GRANDE ROMAXE POPULAR NO COLE!


Chegou o grande día do fin do proxecto deste curso: Un bosque para ler e navegar.

E no cole celebramos unha estupenda romaría na que participamos todos os membros da Comunidade Educativa: alumnado, profesorado e familias.

Como noutros anos, este día os horarios e as actividades habituais quedaron esquecidas. E, en lugar de "mates" ou "lingua", tivemos obradoiros, xogos de pistas...

Premede nos enlaces para obter máis información e, sobre todo, para ver o ben que o temos pasado.




  











  

Despois dun día tan intenso e que requeriu tanta preparación, acabamos rendidos. Pero disfrutamos moitísimo. Grazas a todos os que o fixeron posible: ós pais e nais que "tiraron" das súas vacacións e días libres para ter todo preparado para nós; ós nenos e nenas que participaron con tanto entusiasmo, e a todo o profesorado, que, co seu traballo durante o curso e a súa colaboración nas actividades fixeron realidade un soño.

jueves, 26 de mayo de 2011

XA TEMOS FOTO GAÑADORA!


Un dos momentos estelares da nosa Festa Fin de Proxecto foi desvelar o nome do gañador do noso Concurso de Fotografía.

Este concurso xa está a facerse tradicional entre a nosa Comunidade Educativa. E iso nótase, non só porque a participación, cada ano, é maior, senon pola grande calidade das fotografías presentadas.




A elección non foi doada. Pero temos que felicitarnos porque fomos axudados nesta ingrata tarefa por moitos internautas que "depositaron" o seu voto a través do "click" do rato.

E, mentras organizamos todo o material da nosa marabillosa festa Fin de Proxecto, deixámosvos coa fotografía gañadora, presentada pola familia Provedo.




Parabéns a todos polo voso entusiasmo e a vosa axuda!